
Xa había tempo que non tiña ganas de falar de música... os últimos concertos aos que fun foran o de Tony Lomba no Mercado do Progreso da semana pasada, os da festa de Subterfuge na Galileo: No band for Lluvia & Fuzzy white casters de febreiro e o de Siniestro Total en decembro, o último concerto do ano no que podiamos fumar dentro dun teatro. Si. Había tempo xa que non tiña moitas ganas de falar de música pero non me pasa o mesmo si a música sae dunha boa idea, da terraza dun ático no centro de Vigo e aínda por riba é performada por Nicolás Pastoriza e os irmáns Amaro e Iván Ferreiro.


Unha casa pop, con estanterías que recollen biografías musicáis e a obra desordenada de Nick Hornby e un salón con dous ambientes. A mesa con tazas, chai ou café e biscotes, a xente con cervexa i eu, que levo fresas e zume de laranxa para combater a calor. Fóra un céspede, sobre o que descansan, xunta os convidados, un piano, varias guitarras, cadeiras e cámaras de fotos e vídeo. Chegou o día N! O primeiro TÉ CON NICOLÁS.

O sol desfacíase en lume sobre as paredes dun décimo i eu saltaba de conversa cos pes descalzos porque as plataformas que me deixaron para curtir antes da película poñíanme demasiado alta.

Tres magníficos músicos que gravan un disco na terraza e chaman a amigos para compartir a experiencia i eu vou de convidada por sorte e de rebote. Encántanme estes momentos. Sempre sucede que coñezo xente interesante e rabiosa

e conseguen que sinta que a terra por fin se converte na casa. A gusto. Penso que a próxima festa tería que darse máis tarde e con proxeccións... Vexo imaxes reflectidas e noite... Pero seica deixaría de ser té... ou polo menos á hora do té... Non. Hai que respectar a idea nai.

Coma sempre o mellor ven cando remata o concerto e tes ocasión de escoitar aos artistas tranquilos pero aínda sonan dentro os ecos do repertorio.

Uns días máis tarde que podo dicir? Que molaron tódalas cancións e fixéronme sorrir EL DÍA DEL ECLIPSE & LA CANCIÓN DEL TELONERO. Que máis? Que estou abraiada coas dotes compositivas destas tres bestias e a idea paréceme do máis cool.

E que máis? Si. Xa sei. Que tamén podo dicir...
Eu estiven alí!
(fotos by Vuk)